Canle de comunicación dos mozos e mozas que compoñen o Bloque Nacionalista Galego de Ordes.

14/08/2010

GALIZA NOVA DE ORDES DENUNCIA A EXISTENCIA DE VERTEDOIROS INCONTROLADOS EN PLENO CENTRO URBÁN DO CONCELLO.


Para a organización xuvenil do BNG é inconcibible que un concello como o de Ordes, distinguido con varios premios en xestión de residuos, permita a existencia de vertedoiros en varios puntos da vila, incluíndo o centro urbán.


Dende Galiza Nova de Ordes, creemos que é lamentable que o alcalde Manuel Regos e o edil de medio ambiente Xesús Pedreira, presuman de ir recoller a bandeira verde no hotel Ritz de Madrid o pasado mes de Maio e en cambio, que existan este tipo de vertedoiros incontrolados no casco urbano do pobo de Ordes e nas parroquias do concello.

A organización das mocidades do BNG quere denunciar e esixir a inmediata eliminación dun vertedoiro incontrolado situado na Rúa do Mediodía, que está a causar innumerables molestias aos veciños e a contaminación do medio ambiente.

Lamentablemente o vertedoiro da Rúa Mediodía non é un caso illado, xa que no Concello abundan este tipo de vertedoiros nos que se acumula todo tipo de residuos, dende escombro, bolsas de plástico, ferros, ata electrodomésticos; que contaminan o medio ambiente e prexudican a saúde de todos os veciños e veciñas.

Nenhum comentário: