Canle de comunicación dos mozos e mozas que compoñen o Bloque Nacionalista Galego de Ordes.

22/11/2007

25 de Novembro: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.


REVÍRATE CONTRA A VIOLENCIA
O 25 de Novembro foi declarado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas como o día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres co obxectivo de implicar aos gobernos e organizacións na sensibilización do grave problema que constitúe esta violencia. É, polo tanto, este día unha data para a denuncia na que a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova quere contribuir a espertar unha vez máis a concienciación social e a reflexión nas galegas e galegos, en especial na xente moza pois de nós depende en grande medida, que no futuro non se dean moitas das situacións que actualmente contribúen a perpetuar esta lacra social.
Para conseguir mudar as cousas cómpre ter claro que a violencia contra as mulleres é un fenómeno estructural derivado da desigualdade de poder entre homes e mulleres, é polo tanto un instrumento de dominación e de control que se manifesta de múltiples xeitos.
Debido a súa gravidade deben ser moitas as medidas e liñas de actuación, aínda que dende a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova somos conscientes de que a violencia machista non desaparecerá só pola vía normativa, consideramos positiva a aprobación da primeira Lei Galega para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero, impulsada polo BNG no goberno da Xunta de Galiza. Esta lei dótanos dunha maior capacidade de resposta ante as necesidades e demandas das mulleres que padecen violencia no noso país. Dende unha política totalmente integral a Lei galega supera moitos dos elementos limitadores da lexislación estatal, primando entre outros, os recursos para que as mulleres acaden a independencia respecto aos seus agresores.
Grazas ao traballo do feminismo, de moitas mulleres e organizacións coma a nosa, foi posíbel avanzar importantes chanzos na loita contra esta problemática, mais para poder mudar dun xeito efectivo esta situación cómpre que non ollemos cara outro lado e nos comprometamos. Por iso que dende a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova chamamos a todas as mozas a organizarse con nós para seguir loitando polos nosos dereitos como mozas galegas.
ORGANÍZATE COA ASEMBLEA DE MULLERES DE GALIZA NOVA!!!!!

Participa na concentración que terá lugar o vindeiro 25 de Novembro en Santiago ás 12,30 horas na Praza do 8 de Marzo.

Viaxar na Galiza, materia pendente do Estado.



Éste é o título da campaña ca que Galiza Nova a nivel nacional quere reivindicar un transporte público de calidade, así como, a adopción de medidas de mellora tanto no servizo de autobuses como no de trens.

Con respecto ós autobuses, reivindicamos uns horarios adaptados as nosas necesidades, a gratuidade deste medio para os alumnos do bachillerato, rebaixas no prezo para o estudantado, a adaptación dos autobuses para persoas con problemas de mobilidade…

Con respecto ó tren, pedimos un ferrocarril acaído ás necesidades do país, é dicir:
-a modernización dos trens e a mellora das estacións e apeadeiros.
-creación da rede de Cercanías: A Coruña-Ferrol-Santiago-Vilagarcía e Pontevedra-Vigo.
-combinación dos horarios de ferrocarril cos de bus.
-aumento de prazas na liña A Coruña-Vigo, no desprazamento de estudantes.
-aumento na frecuencia de trens na liña Ourense-Vigo, Ourense-Santiago, Lugo-Monforte-Ourense, Ferrol-A Coruña.
-ampliación das liñas Santiago-Lugo, Lugo-A Mariña e Ferrol-A Mariña.
------------------