Canle de comunicación dos mozos e mozas que compoñen o Bloque Nacionalista Galego de Ordes.

22/11/2007

25 de Novembro: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.


REVÍRATE CONTRA A VIOLENCIA
O 25 de Novembro foi declarado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas como o día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres co obxectivo de implicar aos gobernos e organizacións na sensibilización do grave problema que constitúe esta violencia. É, polo tanto, este día unha data para a denuncia na que a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova quere contribuir a espertar unha vez máis a concienciación social e a reflexión nas galegas e galegos, en especial na xente moza pois de nós depende en grande medida, que no futuro non se dean moitas das situacións que actualmente contribúen a perpetuar esta lacra social.
Para conseguir mudar as cousas cómpre ter claro que a violencia contra as mulleres é un fenómeno estructural derivado da desigualdade de poder entre homes e mulleres, é polo tanto un instrumento de dominación e de control que se manifesta de múltiples xeitos.
Debido a súa gravidade deben ser moitas as medidas e liñas de actuación, aínda que dende a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova somos conscientes de que a violencia machista non desaparecerá só pola vía normativa, consideramos positiva a aprobación da primeira Lei Galega para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero, impulsada polo BNG no goberno da Xunta de Galiza. Esta lei dótanos dunha maior capacidade de resposta ante as necesidades e demandas das mulleres que padecen violencia no noso país. Dende unha política totalmente integral a Lei galega supera moitos dos elementos limitadores da lexislación estatal, primando entre outros, os recursos para que as mulleres acaden a independencia respecto aos seus agresores.
Grazas ao traballo do feminismo, de moitas mulleres e organizacións coma a nosa, foi posíbel avanzar importantes chanzos na loita contra esta problemática, mais para poder mudar dun xeito efectivo esta situación cómpre que non ollemos cara outro lado e nos comprometamos. Por iso que dende a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova chamamos a todas as mozas a organizarse con nós para seguir loitando polos nosos dereitos como mozas galegas.
ORGANÍZATE COA ASEMBLEA DE MULLERES DE GALIZA NOVA!!!!!

Participa na concentración que terá lugar o vindeiro 25 de Novembro en Santiago ás 12,30 horas na Praza do 8 de Marzo.

Um comentário:

Anônimo disse...

Boa tarde compañeiras/os!

Somos de Galiza Nova de Cabanas, e vimos que tedes ligazóns a outros blogues de Galiza Nova, polo que vos agradeceríamos que puxésedes unha ligazón ao noso.

Moitas grazas, saúdos!