Canle de comunicación dos mozos e mozas que compoñen o Bloque Nacionalista Galego de Ordes.

18/04/2010

No Concello de Ordes, líderes en desemprego xuvenil.

Índice de paro xuvenil segundo datos de xaneiro de 2010.
Ordes atópase á cabeza dos Concellos da Comarca en paro xuvenil, sendo 114 os menores de 25 anos que integraban as listas do paro a finais do pasado ano.

Como consecuencia da crise económica que estamos a vivir, ó longo dos últimos meses o número de parados en Galiza foi en aumento, e como é lóxico Ordes non permaneceu alleo a esa tendencia.
No noso concello foron varias empresas as que levaron a cabo ou ben reducións de plantel, ou directamente pecharon a porta e deixaron ós seus empregados na rúa.
Resulta moi preocupante a evolución do desemprego no Concello de Ordes, xa que, en comparación con Oroso, Cerceda, Trazo e Tordoia, superamos a súa taxa de paro nun 33% e desgraciadamente, non imos quedar nestas cifras, xa que todas as previsións apuntan a que estas se incrementen nos próximos meses. Ante este panorama, dende Galiza Nova de Ordes, cremos que cómpre actuar e tratar de por solucións que, cando menos, freen esta tendencia.
Dende Galiza Nova cremos que debe levarse a cabo a elaboración dun Plan de Emprego Xuvenil (PEX), no que se faga unha análise da realidade socioeconómica do Concello e se recollan actuacións encamiñadas a facilitar a integración no mercado laboral da xente nova. Estas actuacións deben incidir na formación, a orientación e a inserción no mercado de traballo.
De seguido expóñense unha serie de ideas que ben poderían ter cabida no PEX:
1. Promoción da contratación da xente nova por parte das empresas establecidas no Concello mediante incentivos a aquelas que empreguen xente moza a través de contratos de longa duración.
2. Creación dun viveiro de empresas para favorecer o autoemprego.
3. Nos concursos públicos, que o Concello teña en conta especialmente a aquelas empresas que contraten xente moza de Ordes. Así como que, aqueles postos de traballo dependentes directamente do Concello (Radio Ordes, mestres de obradoiros, monitores de actividades) sexan ocupados por xente moza do Concello.
4. Creación de Obradoiros de Emprego encamiñados a lograr a ocupación dos mozos e mozas á vez que se forman. Nestes momentos, podería ser de gran interese a creación dun Obradoiro de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética.
5. Realización de actividades formativas que proporcionen competencias ós moz@s en eidos tales como a soldadura, fontanería, electricidade, albanería, axuda a domicilio, agricultura ecolóxica, hostalería, etc. mediante o emprego das axudas existentes das distintas administracións.
6. Realización de prácticas profesionais nas empresas locais por parte dos estudantes universitarios.

Nenhum comentário: