Canle de comunicación dos mozos e mozas que compoñen o Bloque Nacionalista Galego de Ordes.

07/11/2010

GALIZA NOVA DE ORDES IMPULSA UNHA RECOLLIDA DE SINATURAS PARA O MANTEMENTO DO NOITEBÚS

A organización xuvenil do BNG considera moi importante este servizo para o sector do lecer nocturno en Ordes.
Galiza Nova de Ordes, organización xuvenil do BNG, anunciou que iniciará nos próximos días unha recollida de sinaturas na comarca de Ordes para reclamar á Xunta de Galiza a continuidade do servizo de Noitebús. Esta iniciativa da organización xuvenil nacionalista constitue a continuación da campaña iniciada polo BNG coa presentación dunha moción no Concello de Ordes na que se instaba á Xunta a manter en funcionamento o transporte público nocturno a lugares de lecer sen aplicar ningunha redución das rutas e mellorando a súa dotación e funcionamento, esta moción conseguiu o apoio de todos os Grupos Políticos da Corporación Municipal, excepto o PP, no Pleno celebrado o pasado 26 de outubro.
Galiza Nova de Ordes informou de que a recollida de sinaturas se focalizará nos centros de ensino secundario da comarca ordense, e fixo fincapé en que “a demanda que rexistrou este servizo desde a súa posta en funcionamento da boa mostra de que é un servizo necesario do que non se pode prescindir”.
Para a organización xuvenil nacionalista “resulta difícil de entender que o goberno do PP na Xunta pretenda a supresión dun servizo que posibilitou perto de 400.000 desprazamentos no último ano, cun custo total de 4,5 millóns de euros, inferior ao que vai costar a todos os galegos e galegas a visita do Papa”.
Galiza Nova de Ordes lembrou que “desde a propia Dirección Xeral de Tráfico afirmouse que este servizo ten demostrado a súa eficacia, contribuindo a eliminar vítimas e a concienciar sobre a condución segura, e a plataforma Stop Accidentes ten cualificado a pretensión do goberno do PP de desastre, engadindo que sempre é máis barato previr que lamentar”.
Finalmente, a organización xuxenil nacionalista salientou que “este servizo resulta sumamente importante no concello de Ordes, onde o sector do ocio nocturno ten grande importancia económica, como o demostra a existencia de liñas de Noitebús que comunican Ordes, durante as noites da fin de semana, con concellos tan importantes como Carballo, Santiago ou A Coruña”.

Nenhum comentário: